Rosalía Fernández Rial

Fundación Ortega MuñozPoesía, S10

ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL

CARBALLO, 1988

PULSO 4

O silencio berra nos teus ollos
como un solo de baixo introvertido.
Podo descifrar as notas que calas
e adozalas con trinos imposibles.
Podo inventar un pentagrama en branco
para agochar os teus segredos.
Pero prefiro agardar,
sentir como te achegas...
A túa lingua fala sen palabras
coa palleta dos meus beizos,
e a nosa canción soa dentro de min,
marcando o ritmo dun corazón enmudecido.
Apaga a voz
e dime que esta noite non vai amencer.

En clave de sol, 2009


ESCENA VII: (ESQUINA)

As esquinas da rúa
que fago pola noite
son as proas da cidade.
Eu, o máis fermoso mascarón.
Nacín madeira de serea;
o meu canto fuma
rosas dos ventos
en solapas descoñecidas.
Desorientadas xa.
E os peixes que teño nos beizos
coñecen
todos os buratos do suburbio.
Porque cada crepúsculo
atracan, nas miñas costas,
demasiados barcos desnortados.
Din que me movo
en danza oceánica;
que bico coa vertixe do nordés.
Comprenden que cobre
por fabricar amor.
Pero ninguén sabe
con cantos piratas
teño que deitarme
antes de poder durmir.

Vinte en escena, 2012


A REFLEXIÓN

Detrás do espello
todas eramos a mesma muller,
núa,
interrogativa,
reclamándolle respostas
á realidade.
Ninguén vai chamar por nós?
Ninguén —silencio—.
Porque sodes a mesma muller sen rostro,
sen nome.
E se nos creamos?
Que cada unha
se debuxe da forma que queira.
E foi así como demos a luz
os nosos lenzos,
soñando pincel,
imaxinando cores,
a grande escala.
Foi así como
comezamos a parirnos...
Ata nacer
entre os marcos ceibes
da fantasía feminina.
Así hoxe vexo,
nos seus ollos,
que o teu retrato
son eu.

Árbores no deserto, 2020