Berta Dávila

Fundación Ortega MuñozPoesía, S10

Image

JOSÉ PEDRO CROFT
SIN TÍTULO, 2017

BERTA DÁVILA

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1987

*

Nunca se perdoa unha nai.
Quéreselle a pesar de todo ou
gárdaselle rancor, non importa.
Procúranse igual os seus brazos
na escuridade. Aínda que manquen
aínda que tesoiras de costura
abrindo-pechando a noite.

Unha nai ten as mans no meu corazón.
As súas mans. Lávaas dentro del.
Deixa marcas despois
nas esquinas das páxinas
dos libros que le. Marcas de min.
Para min.

Por unha nai fai ruído polas noites,
forte e enfermo, o meu corazón.
Sen que o avise de nada
abre-pecha. Involuntario
como o amor pola nai
din.

Tamén eu fago ruído
para saír fóra de aquí.
Para derramarme. Aínda
que o empeño de sandar
sexa un automatismo. E o sangue
transite sempre un circuito pechado

*

Levas contigo a marca de ser fillo:
o teu embigo avultado.
Non naciches baixo a estrela dos herdeiros
pero si co brazo en alto dos desherdados.

Quérote hoxe tan pequeniño,
acubillado así sobre o meu peito
mentres xogas coas dúas mans abertas
a apresar as doas do meu colar.

Xa sei que un día quererás camiñar só
aínda que os meus brazos permanezan
sempre tendidos.

Estarás preparado para ser un home libre,
“mamá” xa non será a túa palabra máis importante,
e iso será un sinal de que todo marchou como debía.

*

Conversei coa miña tía morta no limbo dun soño.

Díxome: túa nai é un círculo.
Repetiuno varias veces así.

Entendín algo na lucidez do soño
que se volveu opaco nada máis espertar,
tal como adoita acontecer
cando deitamos luz sobre o que non se debe.

Varios meses despois vin un filme holandés
todo azul.
Había un accidente aterrador
nun transatlántico dos que xa non quedan
e ordeaban as vítimas pintando un círculo na fronte
dos que podían salvarse, e unha aspa
na fronte dos que non.

Miña nai nada na piscina da casa.
Decontado fatígase e emerxe
toda azul.
Non te preocupes, dígolle,
ti es un círculo.

O tempo tarda en traer significado
e, ás veces, a auga
torna borrosa toda xeometría.
Pero se escribo
fago círculos e aspas sobre a fronte dos que amo.

Miña tía faloume moitas veces
cando aínda estaba viva
da importancia de coller ben o lapis.
Por iso creo que a miña caligrafía é
redonda.

O meu fillo está aprendendo a escribir
e tamén a nadar.
Aínda non agarra ben o lapis.
Simula as letras deformando
pequenos círculos.

(Inédito)