Gonzalo Hermo

Fundación Ortega MuñozPoesía, S10

GONZALO HERMO

RIANXO, 1987

ESTOU aquí. En fronte atópase o resto do mundo.

O vento do norte sutura o teu verbo a esta casa.
Instala o noso medo na raíz.
Ponlle nome a aquilo que cremos amar por moito tempo.

Pensa no instante en que soubemos que este muro caerá.
Abre a porta, deixa pasar os cans: que coman da mesa.

Para que cheire a terra a entroido ou barricada dunha vez.
Para que cheire a algo que se desfai e se compón constantemente.

Non deteñas a ollada na beleza do incendio.

Abre unha fisura.

Rompe o círculo.

Escapa

Celebración, 2014


AUTOBIOGRAFÍA #1

Primeiro pracer

Oín dicir que o desexo é unha imaxe da infancia.

Daquela o meu desexo acontece ao pé dun río
nunha paisaxe asolagada polas augas
onde dous rapaces xogan a arrolarse pola herba.

Recordo a humidade do lugar.
O cheiro a resina que manaba dos amieiros.
A luz verde que cerca a braña á tarde.

Amparado nesa luz
o corpo do rapaz apertado contra a terra
o meu por riba caéndolle de lado
aterrando sobre as pedras cos xeonllos.

Se en verdade o desexo é unha imaxe da infancia
daquela o meu desexo acontece na ferida.

Cómo fuxir do lugar
en que o pracer se estanca e fermenta,
fermenta.

Cómo se baleira a memoria
para ser por fin
un home novo.

A vida salvaxe, 2018


A VIDA SALVAXE

Por algunha razón, souben que as palabras
acabarían borrando a experiencia
cando o poema chegase.

Pero eu
atopei o camiño de regreso
ata este encontro:

despídome do pecado.
Os meus pés pisan a terra,
acollen o seu tacto como se tocasen o mundo
e aquilo que é salvaxe dispón a súa orde
ao tempo que a memoria esvaece na textura.

O descoñecido di:

—Hai un peche entre a vida
e a vida dos demais
que estoura nun encontro.
Non se pode escribir ese suceso con palabras prestadas.
Cando a experiencia se impón, claudica o seu sentido.

Daquela tiven que escoller
entre a palabra e a vida.

Escollín a vida.

Pedinlle ao mundo que me abrise
o seu rostro salvaxe.

A vida salvaxe, 2018