“A literatura galega ten vocación de ser universal” – Entrevista a Francisco Castro

ortegaEnsayo, SO9, Suroeste

“A literatura galega ten vocación de ser universal”

ENTREVISTA A FRANCISCO CASTRO

POR NOEMI BASANTA e PEDRO DONO

Image

Francisco Castro (Vigo, 1966) é director xeral da Editorial Galaxia e un dos escritores de narrativa máis importantes da literatura galega actual. Posúe, polo tanto, unha perspectiva sobre o campo literario galego extraordinariamente ampla. Esta entrevista foi realizada co gallo da súa vinda á cidade de Braga, convidado polo Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, para participar no IV Encontro Minho-Galiza.

1. Como describiría a produción literaria en Galicia? Cales son as súas fortalezas e tamén as ameazas que detecta?

Levo moito tempo dicindo que a literatura galega non é mellor que outras pero tampouco peor. É unha literatura absolutamente normalizada. O que pasa é que o país non está normalizado. Temos autores e autoras dunha calidade extraordinaria que fan o mesmo que os da contorna pero que non teñen un país por detrás que os estea respaldando. O mercado galego é cativísimo: estamos falando de 8.000 ou 9.000 persoas, como moito. Esa é a febleza máis grande que ten: que os autores e as autoras non se acaban de sentir de todo recoñecidos porque, no mellor dos casos, moi poucos textos venden 700 exemplares, por exemplo. Fenómenos como o de Domingo Villar, que vén de publicar 10.000 da primeira edición do seu último libro, demostran que un certo mercado hai, pero é unha excepción. En xeral, é moi cativo e iso é unha anomalía porque a calidade é innegable. Os escritores galegos son traducidos con moitísima rapidez a outras linguas e tamén obteñen premios internacionais. Non obstante, aquí dentro, como dicía Rosalía, seguimos sendo estranxeiros dentro da propia patria.

2. Que camiños estéticos e de divulgación considera que deben experimentarse na creación e a edición literaria?

Eu creo que, no campo da creación, hai ben pouco xa por experimentar. Na literatura galega, como na literatura española, portuguesa, francesa, ou de calquera país da nosa contorna, estanse experimentando e facendo cousas en todos os formatos e de todas as maneiras que se nos ocorran. Nese sentido, eu creo que a nosa modernidade está fóra de toda discusión. No que respecta á edición, xa é outra cousa. Aos editores gustaríanos ser moito máis arriscados. Gustaríanos poder facer cousas moito máis especiais pero para iso necesitas un mercado que veña detrás e te respalde. Un exemplo claro é a poesía. A editorial Galaxia ten apostado moi forte pola poesía nos últimos dous anos, pero a resposta do público é moi cativa. Co cal un territorio que se presta moito á experimentación, tal e como é a linguaxe poética, vese eivado por esta cuestión.

3. Un aspecto que tamén incide de maneira moi notable na edición en galego son as políticas e axudas públicas ao sector. Na súa opinión, son adecuadas e eficaces ou detecta eivas que deberían solucionarse?

Oxalá houbese políticas de axuda porque non as hai e, se as hai, eu non me enterei. Máis claro non podo ser. En dous anos e medio que levo de editor da Editorial Galaxia aquí non entrou un céntimo en forma de subvención. Non existe en Galicia un plan de fomento da lectura como política cultural. Hai asuntos puntuais pero política de cultura, como tal, non existe.

4. O libro dixital vén sendo obxecto de debate no mundo da edición nos últimos tempos, polos horizontes que abre e, ao mesmo tempo, os riscos que envolve. Pode constituir unha oportunidade para aproveitar en Galicia, dadas as feblezas que antes apuntou? De que maneira encara a editorial Galaxia o desafío dixital?

Oxalá sexa unha nova oportunidade mais a realidade é teimuda e, no conxunto do Estado Español, a facturación de libro dixital non chega ao 4% e, no noso caso, é do 1%. É dicir, practicamente nada. Así a todo, a Editorial Galaxia hai xa ben anos que está subida no carro dixital. Na nosa páxina web pódense descargar case 300 libros, novidades e clásicos. Cando sae unha novela, por exemplo, en moi pouco tempo témola dispoñible en formato ebook. Entón, é algo que non nos está dando grande retorno económico pero no que queremos estar porque se non estamos nós, acabará estando calquera empresa de telefonía estadounidense. Nós facemos a batalla por estar aí pero o retorno, de momento, é case inexistente.

5. No que se refire á recepción literaria, algunhas noticias recentes sobre a lectura en galego apuntan para índices preocupantes. Trataríase dunha situación paradoxal porque na Galiza edítanse moitos máis libros que fai algúns anos. Comparte este diagnóstico ou detecta motivos para adoptar unha postura máis optimista?

Optimistas somos sempre porque senón non nos dedicaríamos a isto, pero volvo ao dito antes: a realidade é teimuda. Non é contraditorio que se editen máis títulos e que os índices de lectura sexan baixos porque, que os índices sexan baixos, non quere dicir que se lea menos. O certo é que, moi lixeiramente, subiu o índice de lectores e de lectoras aínda que estamos moi por debaixo do que están outros países da nosa contorna. No caso galego, o gasto familiar en cultura está moi por debaixo da media española. Entón, eses son os datos. Temos que teimar todos e todas, como poidamos, para que iso cambie. Para empezar, con algo ao que facía referencia antes, gustaríame que a Xunta de Galicia entendese que a lectura ten que ser unha cuestión estratéxica. Os índices de calidade dun país tamén se miden nos índices lectores, na cantidade de bibliotecas que hai nun lugar —hai concellos de Galicia que non teñen biblioteca—, no número de librerías que están abertas —cando a realidade é que están pechando—, etc. Entón viríannos moi ben políticas públicas de promoción da lectura.

6. Acaba de participar no IV Encontro Minho-Galiza, organizado, entre outras entidades, polo Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho. Fíxoo nunha mesa que pretendía abordar as relacións luso-galegas no ámbito editorial. É certo que, nos últimos anos, se teñen tecido pontes en diferentes ámbitos —música, investigación académica, etc. Cal é a dimensión deste diálogo entre ambos países no terreo editorial e, particularmente, o que ten estabelecido Galaxia, unha editora galega de referencia?

A colaboración entre as dúas beiras do Miño, cada ano, é máis constante. Conteino na miña participación nesa mesa pero tamén engadín que aínda é moito o que hai que camiñar. Durante décadas, sobre todo no franquismo, os estados de España e Portugal viviron bastante de costas. Isto podería non parecer unha traxedia pero para Galicia si que o foi. Creo que, pouco a pouco, temos que ir achegándonos. No caso de Galaxia, estamos establecendo colaboracións con editoras portuguesas para beneficiarnos mutuamente: nós para poder sacar libro portugués aquí e eles para poder sacar libros do noso catálogo alá. O ano que vén, en 2020, imos ver materializados eses diálogos en feitos concretos.

7. Tendo en conta isto, seguramente sexa un pouco redundante a seguinte pregunta. Considera necesaria a proxección da literatura galega fóra do mercado galego, en xeral, e nos países lusófonos en particular?

Eu creo que, en particular, nos países lusófonos por proximidade pero a literatura galega ten vocación de ser universal. Os escritores e as escritoras de Galicia escriben en galego pero para ser lidos en todo o mundo. O primeiro traslado, case automático, debería ser ao mundo da lusofonía pero insisto en que cada vez son máis os autores e as autoras traducidas a moitísimas linguas.

8. Ao desenvolver esa dupla actividade como escritor e tamén como editor, a miúdo surxirán interferencias entre ambos os ámbitos. Con certeza terá reflexionado sobre tales interseccións. Podería compartir cos lectores e lectoras de Suroeste algunha desas reflexións?

Só podo falar da miña experiencia persoal e direi que, no meu caso, non interfire. Eu teño posto o gorro de editor e cando o saco, poño o de autor. Cando remato un texto, compórtome como un autor máis e doullo a ler a compañeiros editores para que fagan unha lectura profesional del. Non hai interferencia e, se hai algunha, é positiva. Creo que é unha sorte que eu sexa escritor porque son capaz de entender como funciona a psicoloxía dun autor ou dunha autora porque, antes de estar deste lado da mesa, tamén estiven só do outro: levo dez anos como editor, pero o meu primeiro libro publicouse hai trinta. Eu creo que iso me dá tamén unha perspectiva moi bonita. Por outro lado, é algo moi habitual. O actual editor de Xerais, Fran Alonso, é escritor. Antes ca min, Víctor Freixanes dirixiu esta casa e antes del foi Carlos Casares. Polo tanto, non son eu unha excepción.

9. Alguén que coñece o campo literario desde a perspectiva do editor seguramente teña esa visión que lle permite detectar o que se necesita e poder traballalo desde o ollar do escritor.

Claro que si. Nos dous anos e medio que levo dirixindo a editorial Galaxia e nos dez, case once, que levo traballando de editor, cando decides abrir determinadas coleccións, crear un contedor para determinados tipos de produtos literarios é porque tamén tes, a parte dunha intuición como editor, unha clara experiencia como escritor. Falas con outros escritores e escritoras, sabes o que hai nas súas cabezas e o que lles gustaría. Aí hai uns vasos comunicantes mais nunca contaminantes.

10. Como escritor conta cunha extensa obra que supera a vintena de títulos publicados, a miúdo abordando temáticas pouco habituais no repertorio da literatura galega. Cales son os teus referentes?

Se quixera quedar ben, citaría os clásicos, pero eu sempre digo o mesmo: os meus referentes están sobre todo no rock and roll, na banda deseñada, no que lía de pequeno, na televisión, no cine e, logo xa, na literatura máis clásica. A min tenme influído máis a música que se fixo nos anos sesenta que moitísimas lecturas. Igual é politicamente incorrecto dicilo pero é así.

11. Como se sitúa ou se percibe Francisco Castro como escritor no sistema literario galego actual? Que é para vostede a literatura?

Eu sitúome como outra xente do meu tempo, dos que estamos agora nos cincuenta anos, na xeración seguinte a Manuel Rivas e Suso de Toro. Somos a primeira xeración que posuímos os referentes que antes citaba. En asuntos literarios, nós temos os ollos máis postos en Europa que incluso na propia tradición galega: máis que en Otero Pedrayo ou que en Álvaro Cunqueiro, nós somos fillos de Haruki Murakami, Paul Auster, Lyotard e toda a posmodernidade. Eu sitúome aí e entendo que a literatura é a exención miña a través da palabra.

12. Temos que lle preguntar inevitablemente pola actualidade da literatura galega mais tamén polas perspectivas de futuro.

Eu vexo un futuro esplendoroso porque os escritores e as escritoras de noso son xente de moitísima calidade e talento. O que me gustaría é que ese esplendor literario se vise correspondido por un público galego que entende que os produtos culturais galegos —non só a literatura, tamén a música, o teatro ou o cine— son dunha excelente calidade e que nos sacudísemos un pouco o prexuízo que temos a respecto do noso e comezásemos a entender que, dentro dos autores e das autoras de aquí, hainos moi malos —coma min—, regulares e realmente brillantes.

13. Para alén de recomendarmos vivamente a lectura da súa obra, podería darnos algúns nomes de autores e autoras ou obras galegas que, na súa opinión, deberían coñecer e ler os lectores e lectoras de Suroeste?

Como é moi arriscado dar nomes e o director da editorial Galaxia vai quedar moi mal, vou citar só un nome polo fenómeno que significa. Quédome con Domingo Villar porque, nun momento no que a novela negra parece que ten que vir de Suecia ou dos grandes nomes de Castela, temos un señor de Vigo que escribe en galego e que é capaz de vender en dous meses 10.000 exemplares na primeira edición do seu libro. Van entrar, en breve, novos exemplares aos que hai que sumar as traducións en castelán, italiano, búlgaro, alemán e inglés. Domingo Villar é un señor de Vigo que fai unha literatura exportable a todo o mundo e da que se goza neste momento en todo o mundo. Recomendaría a súa lectura como un exemplo de literatura moderna, feita en lingua galega.